GUERRA IMPERIALISTA | FASCISMO

Desorde mundial, imperialismo e fascismo

Jorge Seijo

FOTO
27/01/2026

Nestas semanas, a orde liberal baseada —sobre o papel— en regras que dominou durante décadas as relacións internacionais no contexto de posguerra pasou a formar parte do basureiro da historia. Na nova desorde mundial atravesada pola crise, o imperialismo e a guerra están á orde do día.

Isto non quere dicir que antes o capitalismo se caracterizase pola defensa da democracia e da paz: o imperialismo está unido de xeito indefectible ao capital. Agora ben, cando os beneficios e a perda de hexemonía do imperialismo estadounidense están en risco, a competencia toma escalas cada vez máis violentas, perdendo toda decoración retórica que adorne o seu exercicio.

Xa 2025, no 80 aniversario da Segunda Guerra Mundial, foi o ano con máis conflitos armados da historia dende 1945. Trump é, neste sentido, o monstro que toma as rendas para volver a facer da decadente América algo grande outra vez contra os bloques capitalistas que ameazan con socavar a súa hexemonía. 2026 será un mundo máis hostil, coa reconfiguración dos diferentes bloques burgueses e crecentes conflitos bélicos.

Neste 2026, a urxencia da situación fai que a Trump 2.0 non lle trema o pulso, como xa resaltei, en mostrar sen complexos a natureza autoritaria do poder político do capital. Xa non é necesario xustificar as accións imperialistas coma unha simple loita contra o terrorismo, pola democracia, polos dereitos humanos ou contra o narcotráfico. Malia que estas xustificacións poden ser empregadas como complemento, Trump non ten medo a afirmar unha lexitimidade cuasi divina: os EE.UU. deben ser os donos do hemisferio occidental.

En Latinoamérica reaparece a vella Doutrina Monroe. Acabamos de presenciar con total transparencia como Trump reclama a “devolución do petróleo venezolano” e impedir que os seus rivais xeopolíticos poidan acceder ao mesmo. Para esta operación non dubidou en bombardear e asasinar impunemente a militares e civís, secuestrar a un presidente e tutelar o rumbo de Venezuela baixo a ameaza de novos bombardeos, avisando de paso que Cuba, México ou Colombia son os seguintes na lista negra dos estadounidenses.

En Oriente Medio Trump ten baixo a manga a posibilidade de dar o paso a unha guerra aberta con Irán do lado de Israel, posibilidade que estivo a piques de consumarse aproveitando o ciclo de protestas contra o réxime dos aiatolás. Tampouco están a salvo os aliados históricos dos Estados Unidos. Practicamente todos os países do planeta están a ser obxecto de agresivas políticas arancelarias. No caso de Dinamarca ou Canadá vemos que Trump non esconde os seus soños húmidos dun Lebensraum estadounidense que vai dende o Caribe ata Groenlandia. Para isto, a vía militar non está descartada.

As oligarquías europeas, tras asumir o ano pasado humillantes acordos con Trump mediante os cales EE.UU. impoñía aranceis do 15% e supeditaba o abastecemento enerxético e armamentístico aos intereses americanos, parecen comezar a pensar que con Groenlandia se cruzou unha liña vermella.

O envío de tropas por parte de varios países europeos a Groenlandia, a suspensión do acordo comercial cos EE.UU. ou a defensa dun exército europeo parecen apuntar a un novo tipo de relación cos EE.UU. De maneira ilustrativa, o primeiro ministro belga Bart De Wever afirmou no pasado Foro de Davos que “hai que elixir: ser un vasalo feliz é unha cousa; ser un escravo miserable é outra moi distinta”.

A estas voces únense Merz e Macron. Incluso a furibunda proestadounidense Ursula Von der Leyen falou de construír unha “Nova Europa independente”. Queda por ver se todo isto se traduce nos feitos ou se detrás da cada vez máis cacareada “autonomía estratéxica” non existe máis que un farol diplomático.

Polo de agora, EE.UU. está a conseguir que teñan que ser os estados europeos e o resto da OTAN os que asuman o esforzo de guerra en Ucraína contra Rusia. EE.UU. pretende desangrar así tanto á Unión Europea como a Rusia nun conflito empantanado que parece estar lonxe de resolverse.

O futuro esforzo bélico europeo está incluso a considerar insuficiente un gasto do 5% do PIB, considera o envío de tropas sobre o terreo, o servizo militar obrigatorio e as vellas receitas de austeridade social para soster o rearme.

Por agora, pese aos xestos europeos e os seus “monitoreos de situacións”, quen ten gañada a batalla en Europa son as industrias de guerra americanas.

Pero Trump tamén ten reservada a súa furia contra a clase traballadora americana. O movemento MAGA, como expresión do novo movemento fascista, está a transformar a forma do Estado burgués cara a unha ditadura aberta.

Os escuadróns da ICE, o corpo fundado por Bush reconvertido na Gestapo trumpista, marchan polas rúas do país secuestrando e asasinando co beneplácito gobernamental a calquera cidadán que se interpoña no seu camiño.

Cabe resaltar que as políticas antiinmigración serviron para asentar o andamiaxe sobre o que agora avanza unha vaga autoritaria contra todo tipo de disidencia política.

O movemento MAGA prepara tamén, no 250 aniversario da fundación dos EE.UU., a forma de garantir que Trump saia vitorioso das eleccións lexislativas midterm en novembro. Un segundo asalto ao Capitolio, esta vez a mans de corpos paramilitares profesionalizados cun presuposto que supera ao exército de moitos países, pode chegar a ser unha das súas vías de consolidación.

Este proxecto neofascista pretende ser importado por toda a extrema dereita do vello continente, polo que a importancia da loita antifascista será decisiva para impedir que o terror que se cerne sobre a clase traballadora estadounidense se repita no noso continente.

Resulta imprescindible tamén practicar un compromiso internacionalista con respecto a esta última, cuxa resistencia heroica contra o trumpismo no corazón da besta imperialista debe contar con toda a nosa solidariedade.

Como dano colateral, Trump está a conseguir que os seus antigos aliados se aproximen cada vez máis a China. Sumado ao xa comentado no que respecta á Unión Europea, a visita do primeiro ministro canadense Mark Carney a Pequín, a crecente asociación entre a India (histórico inimigo de China) e Arabia Saudita (fiel aliado dos EE.UU.) con China representan un cambio de paradigma.

Por outra banda, as inversións internacionais acometidas por China dentro da súa Iniciativa da Ruta da Seda acadaron en 2025 un récord de 213.000 millóns de dólares: trátase dun crecemento do 75% con respecto a 2024.

A política trumpista de expulsar a China do Ártico, Oriente Medio e Latinoamérica pode tamén facer que a potencia capitalista asiática pase definitivamente a ter un rol militar activo. O que se demostrou é que o “Do nothing. Win” practicado por China está obsoleto para afrontar o escenario internacional nacente.

Vista rapidamente a situación internacional —recoñecendo importantes omisións pola miña parte—, a bancarrota das forzas da esquerda burguesa é total. O Estado español é, neste sentido, un perfecto exemplo desta situación.

A socialdemocracia cumpre de xeito nítido o seu histórico papel socialimperialista. PSOE e Sumar están sumidos na moda da “autonomía estratéxica”, pretendendo que a Unión Europea se configure como unha potencia imperialista menos atada aos EE.UU., avanzando na axenda belicista, autoritaria e antiproletaria que un futuro goberno de dereita profundará.

Sobre este esqueleto matriz da socialdemocracia hexemónica aparecen forzas máis pequenas que lle serven de auxilio institucional, amparadas en repetir de xeito incesante a fórmula das “frontes populares”.

Na Galiza, as forzas socialdemócratas son algo máis particulares. No BNG coexiste o sostén institucional, electoralista e pragmático cara ao PSOE que consegue “melloras inmediatas para Galiza” cunha retórica “antiimperialista” para contentar as súas bases militantes máis ideoloxizadas, que identifica ao bloque multipolar emerxente encabezado por China e Rusia coma un axente progresista.

Este paradigma da fronte popular multipolarista parte do punto de vista meramente xeopolítico. Nel, a loita de clases desaparece no canto dunha loita entre nacións opresoras e oprimidas.

Para esta forma de nacionalismo metodolóxico o mundo non é máis que unha suma de nacións relacionadas de xeito externo. O curso das mesmas dependerá de que persoal político ocupe as institucións burguesas, as cales poden decidir por mera vontade o carácter das mesmas.

Por outra parte, os conflitos de clase no seo das nacións oprimidas aparecen despachadas como meras “revolucións de cores” instigadas pola CIA.

Así, que exista a paz mundial depende simplemente de que as opcións soberanistas cheguen ao poder nas súas respectivas nacións.

Subxace aquí unha utopía reaccionaria que pensa que un capitalismo harmonioso de nacións soberanas é posible. Unha utopía pacificista onde esta suma harmónica de capitalismos nacionais prescinda, non se sabe moi ben como, do antagonismo entre clases, da competencia entre os distintos capitais pola cota de mercado e un sinfín de fenómenos que están inscritos na mesma natureza autoexpansiva do capital.

Pese ás notables diferenzas dos BRICS+ con respecto ao imperialismo occidental, debería estar claro que os seus actores son estados capitalistas —moitas veces enfrontados entre si— que non están movidos por internacionalismo algún e que pretenden ascender na xerarquía dos estados capitalistas.

Son aspirantes serios a substituír ao bloque atlantista como hexemón imperialista.

Un exemplo ilustrativo foi o aplauso de China e Rusia ao vergoñento e colonialista Plan de Trump con respecto a Gaza, as relacións económicas clave destes países con Israel ou a abstención destes países para que o plan de Marrocos para perpetuar o sometemento colonial do pobo saharauí saia adiante, ou a masiva exportación de capitais chineses en condicións de superexplotación do proletariado das periferias.

Como anécdota, o outro día o BNG tamén se “esqueceu” do pobo saharauí ao celebrar os éxitos de Sirat de Oliver Laxe, autor dunha metraxe de 114 minutos de abafante aburrimento de estética New Age e apoloxía da ocupación marroquí.

O escenario internacional que temos por diante esixe a defensa do dereito á resistencia do proletariado das diferentes nacións agredidas polo imperialismo por tódolos medios, así como a necesidade de defender o dereito a organizarse de xeito independente ante calquera forza burguesa, as cales non representan xa ningunha opción progresista.

No centro imperialista, do que a Galiza actual forma parte, correspóndenos dar prioridade á loita contra o noso bloque imperialista: como dicían os vellos revolucionarios, “o inimigo principal está na casa”.

Debemos denunciar a política internacional imperialista do noso bloque e a súa axenda doméstica, para a cal o novo movemento fascista vai camiño de converterse na punta de lanza para disciplinar de xeito brutal á clase traballadora aos imperativos do capital.

Para todo isto é fundamental a construción dun gran partido comunista de masas que supere a simple escala nacional. Lonxe de adanismos, esta fórmula foi a que demostrou no pasado a capacidade de repeler a ofensiva das forzas reaccionarias, conquistar o poder político e poñer contra as cordas ao conxunto da burguesía mundial