CRISE ECOLÓXICA

Capitalismo verde, pero da cor do dólar

Sara Varela

FOTO
13/01/2026

Tivemos coñecemento hai un par de meses da tramitación de varios proxectos da Xunta que conlevan a instalación de plantas de biogás e biometano na Galiza. A conselleira de Medio Ambiente vitoreaba orgullosamente a inminente consecución dun suposto obxectivo de neutralidade climática no 2040 a través deste proxecto.

Nós preguntamos, señora conselleira: pode existir unha neutralidade climática dentro dun sistema produtivo que prioriza a busca do beneficio por diante do benestar social e que tende a explotar todos os recursos existentes a cambio de beneficios económicos?

No contexto dunha crise internacional, estamos a ser testemuñas directas de como os capitalistas afondan na súa ofensiva contra a natureza. Están a obviar todas as alarmas para seguir recorrendo a fontes enerxéticas contaminantes, pero seguras para o seu lucro. Vémolo co uso do carbón, que acada hoxe máximos históricos de consumo, superando os límites marcados en París no 2015, ou nos intereses imperialistas dos EUA coa recente intervención militar en Venezuela.

Isto choca frontalmente coa suposta promesa dun capitalismo verde que, a pesar de investir exponencialmente nas enerxías renovables, revela as súas contradicións e amosa a súa dependencia das enerxías fósiles por seren máis compatibles coa lóxica da acumulación capitalista.

Proba do alcance deste proceso son as consecuencias que xa vivimos hoxe. Os gases de efecto invernadoiro da industria capitalista son responsables dunha gran cantidade de catástrofes climáticas, incluíndo as mortes por calor, que este ano acadaron as 378 persoas na Galiza. De feito, prevese que a temperatura global do planeta podería acadar os 2,8 °C por enriba dos niveis preindustriais para 2030.

O capitalismo ten a capacidade de presentar como casuais e inconexas as consecuencias diarias da súa existencia, pero tamén os efectos de maior impacto, como as diferentes catástrofes climáticas. Furacáns, DINA, secas ou vagas incendiarias preséntanse como fenómenos illados que responden a arbitrariedades xeradas pola natureza, tentando ocultar que nacen como consecuencia dun sistema económico que tende á destrución do medio ambiente. No 2025 acadáronse as 102 millóns de hectáreas queimadas a nivel mundial, coa crecente perda de biodiversidade que isto conleva.

Evidentemente, isto xera consecuencias practicamente inmediatas para a clase traballadora, como a perda de bens básicos como a vivenda —como se viu hai uns meses en València— ou mesmo da vida, aumentando en todo o Estado español un 87 % das mortes por calor.

Ver no fondo de todos estes fenómenos, da crise ecolóxica en curso, o modelo social que a xera permítenos tamén entender cales son os prognósticos de futuro. O contexto actual de rearme e belicismo ten e vai seguir tendo un grande impacto climático. Podemos ver xa no presente como está aumentando o gas natural licuado (GNL) americano en Reganosa, coa conseguinte emisión de gases de efecto invernadoiro.

Galiza aparece como unha peza importante para este proxecto de militarización. Os proxectos mineiros en Doade, Touro e A Gudiña están a ser impulsados, malia o impacto climático que conlevan. Por moito que a Xunta e a conselleira falen dunha suposta neutralidade climática, a realidade é ben distinta: os políticos profesionais e os capitalistas teñen moi claro que plan trazar para poñer Galiza ao servizo dos intereses militares e belicosos de Europa.

A nivel internacional, a explotación dos recursos medra tamén na periferia capitalista. A consecuencia clara é o empobrecemento da clase traballadora deses países e a tendencia a seren expulsadas deles. A explotación descarnada da periferia capitalista apunta a un proceso de conversión das proletariadas da periferia en refuxiadas climáticas.

Unha vez máis, quen pagan son as traballadoras, que terán que buscar sobrevivir migrando cara aos centros imperialistas, que á súa vez reforzan as súas fronteiras e aumentan o seu autoritarismo. Obviamente, ante isto os capitalistas frotan as mans vendo como poden tanto controlar o territorio global ao seu antollo para conseguir maiores beneficios como nutrirse da forza de traballo devaluada da clase obreira migrante.

Todos estes factores apuntan a que a crise ecolóxica vai seguir aumentando como parte da ofensiva xeral da burguesía. Isto deixa á luz que non existe un capitalismo sostible nin capaz de reconciliar as contradicións dunhas relacións de produción que demandan a explotación sen control dos recursos. O suposto capitalismo verde entra en contradición coas leis básicas do capitalismo e amosa as súas limitacións físicas hoxe máis ca nunca.

A transición ecolóxica verdadeira e consecuente non pode vir da man do Estado capitalista, que defende a liberdade da oligarquía de dispor da natureza ao seu gusto. Iniciar o camiño cara esta require avivar a política proletaria, aquela que defende os intereses da maioría social, o uso racional dos recursos e as fórmulas verdadeiramente democráticas de control.

Como obxectivo, debemos reapropiarnos como clase do poder político, sometendo a produción a un plan consciente e democrático rexido polas necesidades e beneficios sociais. Como primeiros pasos cara isto debemos apuntar nunha dobre dirección.

Por un lado, elaborar un enfoque comunista sobre a cuestión para unificar na loita contra a crise climática os sectores conscientes na dirección da destrución da sociedade de clases, como resposta capaz de rematar definitivamente coa ofensiva contra a natureza. Isto pasa tamén por combater as tendencias que buscan reducir a oposición a prácticas apolíticas ou reformistas.

Polo outro, debemos seguir reforzando a oposición xeral contra todas as mostras da ofensiva contra a natureza: facer parte do impulso dunha forte oposición a quen ameaza con furar o país para extraer materiais para a guerra, a quen quere reducir os bosques a especies útiles para os seus lucros ou a quen está disposto a tinguir as rías e mares de negro para encher os seus petos.

O capitalismo ameaza o mundo tal e como o coñecemos. Nun sistema no que a vida humana e a biodiversidade valen menos ca os negocios duns poucos, urxe máis ca nunca articular unha resposta comunista, tamén no plano ecolóxico. Se o capitalismo ameaza con extinguirnos a nós, só queda unha saída posible: extingamos nós o capitalismo.