SITUACIÓN POLÍTICA

Ano novo, vellos inimigos e mesmos retos

Jano Rego

FOTO
06/01/2026

O comezo dun novo ano abre un tempo de reflexión vital para moita xente. Se trasladamos este exercicio ao plano militante, a principal conclusión que deixa o 2025 é clara: o sentido común progresista estase desintegrando en Occidente e, no seu baleiro, proliferan ideas chauvinistas, autoritarias e antiproletarias. Esta nova lóxica coloca o escenario político nun terreo convulso que esixe aos comunistas estarmos á altura do momento histórico.

A cultura política que situaba o horizonte desexable no progreso e na ampliación de dereitos atópase arrecunchada. A desaparición do seu sostén militante independente e a súa futura canalización no Estado a través da política populista foron os primeiros síntomas desta realidade. Logo duns anos de emoción e esperanza sustentados sobre a mentira electoralista, hoxe vivimos a deslexitimación destas forzas e o descrédito dos seus principios. Déixase á luz a fraxilidade dunha alternativa construída sobre bases oportunistas.

Todo isto ocorre nun contexto internacional marcado por unha profunda crise e polo declive do bloque capitalista hexemónico. Estes fenómenos están impulsando ás elites capitalistas a incrementar a súa ofensiva contra a maioría traballadora. A reconfiguración da política e as institucións en clave autoritaria, así como a erosión dos dereitos políticos, sindicais e sociais, preséntanse como a punta de lanza desta ofensiva.

O marco xeral móvese cara a dereita, unindo reaccionarios e fascistas e aumentando cada vez máis o peso institucional da extrema dereita en Europa. Mentres tanto, na esquerda só se percibe descrédito. Todo apunta cara dúas opcións posibles: a rearticulación do sentido común en clave reaccionaria que unifique todo descontento cos intereses dunha burguesía en declive, ou a construción dunha política comunista de masas que defenda os dereitos sociais da maioría e impulse unha transformación radical da realidade.

A opción reaccionaria está gañando espazo e preséntase como falsa alternativa, situando ideas autoritarias e antiproletarias no centro dos novos valores occidentais. Con todo, a saída comunista non se conformou aínda como alternativa. Un bo síntoma disto é que moita xente identifica o comunismo cos programas da socialdemocracia máis morna.

Na Galiza, hai quen querería ver un respiro desta dinámica internacional. Hai algo de certo nisto: a socialdemocracia nacionalista conserva impulso electoral e o tecido asociativo mantén influencia. Mais a realidade indica un mesmo rumbo xeral: Ourense e as patrullas escuadristas, o atentado contra o centro de menores migrantes de Monforte ou a presenza a semana pasada de grupos fascistas en Santiago de Compostela son só algúns dos primeiros síntomas dun proceso que seguirá tomando corpo de non atopar diante unha resposta organizada.

A clave para este 2026 debe ser reconfigurar o comunismo como unha forza real contra as tendencias reaccionarias, o fascismo e o proxecto autoritario que as sustenta. Debemos situalo nunha posición que permita presentalo como alternativa real á proposta da oligarquía.

Para isto, o reto da nosa xeración militante é recuperar os principios do comunismo e recompoñer a relación de independencia que a clase traballadora debe manter co resto das clases e co Estado. Debemos devolver á clase traballadora a unha posición de autonomía para esta poida actuar de xeito efectivo contra o núcleo do proceso de ofensiva: a imposición dun modelo estatal autoritario que saquea os intereses da maioría en beneficio dunha minoría.

Consolidar esta independencia política require que a clase traballadora recobre o seu proxecto político. Isto implica situar no centro do movemento obreiro unha proposta de goberno que represente os seus intereses. Sen isto, calquera loita podería ser absorbida polo programa capitalista, e consecuentemente desmantelada. A tarefa é, polo tanto, abrir unha fenda entre o descontento social e as respostas autoritarias, mantendo unha independencia con respecto do Estado e integrando a oposición ás mesmas nun marco revolucionario comprometido co combate ao capitalismo.

Debemos seguir construíndo un axente político que despregue, desde cada conflito social, unha posición comunista. Unha axitación e propaganda sobre os temas centrais da axenda mediática, que logre gañar unha influencia real e confronte aquelas propostas que ofrecen falsas solucións. É dicir, que combata, por un lado, contra as respostas chauvinistas, autoritarias, machistas ou racistas que dividen aos traballadores e protexen a impunidade dos capitalistas, e polo outro, contra o conxunto dos partidos capitalistas, cómplices da deriva autoritaria dos Estados, o investimento na guerra, a promoción de políticas racistas e a construción de marcos lexislativos que ameazan á clase traballadora. Para isto debe tamén servir esta nova sección de columnas.

O reto desde 2026 é dar na Galiza os primeiros pasos neste camiño: territorializar e reforzar esta alternativa, convertela nun referente para quen vexa na presente rearticulación autoritaria un inimigo a combater. Retomar o impulso da tradición militante e a vida política que un día percorreu vilas e cidades cun sentido revolucionario. Está claro que este ano avanzarán na súa axenda: os conflitos bélicos seguirán aumentando, o marco reaccionario seguirá radicalizándose. A ofensiva capitalista vai continuar. Ante isto, só nos queda sinalalos e amosar á mocidade traballadora que existe aínda unha causa pola que loitar.