A crise histórica do capital e a caída global das taxas reais de acumulación están animando ás oligarquías á ofensiva económica contra os pobos traballadores do mundo. As grandes potencias son igualmente arrastradas a posicións de escalada bélica polo control duns recursos cada vez máis escasos, dos grandes ecosistemas produtivos, das grandes rutas do comercio global, dos suministros estables de compoñentes para a industria e das zonas estratéxicas de inversión de capital.
A crise histórica do capital a nivel global, que vén implosionando desde principios de século, entronca en Occidente coa decadencia imperial do atlantismo, ou dito doutro xeito, coa específica crise económica e social occidental, onde Europa aparece como vangarda da decadencia imperial atlantista, sen proxecto político e social propio. Nas sociedades occidentais, onde a crise se entrecruza coa perda de centralidade imperial no taboleiro global, vénse producindo unha grande esgazadura social tras longas décadas de composición de clase onde o proletariado depauperado viña representando unha minoría relativa fronte ás amplas capas acomodadas da aristocracia obreira e a pequena burguesía.
A crise económica e social occidental golpea ás clases medias en forma de destrución progresiva da estrutura laboral estable, perda progresiva do nivel salarial, recorte progresivo do Estado asistencial (sanidade, educación, prestacións sociais etc.), e en xeral, en forma de desestruturación social progresiva, procesos acentuados pola ofensiva de clase consciente da oligarquía. A destrución das condicións de vida está provocando a fractura do imaxinario social de clases medias que estas capas, aristocracia obreira e pequena burguesía, consolidaran tras longas décadas de estabilidade imperial, e ten consecuencias directas na cultura, na ideoloxía e na visión política das clases medias compostas polo funcionariado, o traballador industrial cualificado, o estamento político e os profesionais liberais, así como en amplas capas dos pequenos capitalistas industriais, agrícolas e terciarios de Europa e os Estados Unidos de América.
Os grandes cambios culturais e ideolóxicos están sucedendo fundamentalmente por dous factores xerais. O primeiro é a tendencia cultural obxectiva mesma das clases medias, e o segundo é a existencia dun amplo programa propagandístico das elites para alimentar a viraxe destas capas sociais intermedias cara a reacción. E é que en ausencia de toda política consciente organizada, dun grande educador de masas como o foron no seu día os grandes partidos marxistas, o movemento cultural das clases medias segue totalmente ancorado na cosmovisión burguesa, encontrando a única canle de (falsa) radicalización posible ante las turbulencias na reacción ideolóxica.
É dicir, a ampla aristocracia obreira occidental, en ausencia de conciencia socialista de masas, inconsciente da súa esencia obxectiva proletaria, é incapaz de articularse co proletariado en forma de partido e programa histórico independentes, e vira completamente na dirección oposta, especialmente nas súas novas xeracións, cara as posicións máis extremas da ideoloxía burguesa en forma de reacción. O proletariado occidental, pola súa parte, tras longas décadas de desarticulación ideolóxica e política, atomizado e despolitizado, é polo momento incapaz de liderar a recomposición do bloque histórico revolucionario.
A oligarquía ten o punto de mira posto na progresiva desarticulación da aristocracia obreira occidental, na destrución do estado asistencial, na centralización de capitais e a inversión en zonas de maior rendibilidade, para o cal necesita da aniquilación política de toda opción de resposta das clases traballadoras. É por isto que ao seu programa de ofensiva económica engádese un programa de ofensiva política e cultural. Este programa articúlao a oligarquía atlantista en tres eixos: ideolóxico, político e estatal, o que fai do fascismo actual un fenómeno máis complexo do que pretende convencernos a política profesional burguesa cos seus hipócritas ‘cordóns sanitarios’.
No ideolóxico, a aposta da oligarquía é converter a clase media, de esquerdas e de dereitas, minguada pero aínda politicamente activa, nunha clase reaccionaria, que apuntale as políticas autoritarias e exerza influencia cultural sobre o proletariado a través dos seus mecanismos hexemónicos, pechando en falso toda opción de política revolucionaria. As grandes plataformas tecnolóxicas están tendo un papel nada desdeñable na implementación deste programa.
No político, observamos a articulación progresiva dese fenómeno ideolóxico en posicións máis radicalizadas en forma de novo movemento fascista. Un movemento que se compón de tres fenómenos: os grandes partidos electorais de ultradereita que serven de panca mediática e institucional, a recomposición das organizacións fascistas para a formación de cadros ideolóxicos e organizativos, e en terceiro lugar, a formación de grupos violentos a pé de rúa.
No estatal, e o que representa o cume do programa atlantista de portas cara dentro, a oligarquía está tratando de implementar unha reforma de grande alcance, aniquilando o estado democrático liberal e articulando un novo proxecto de estado autoritario.
A continuación, imos detallar analiticamente cada eixo deste programa estratéxico da oligarquía que pretende redefinir a relación de clase en toda a civilización occidental.
Para empezar, como debemos entender á reacción? Desde o noso punto de vista, a reacción é unha forma cultural e ideolóxica que afecta a todas as familias políticas do bloque histórico do capital, incluídas as esquerdas. As súas principais características son as seguintes:
En primeiro lugar, a reacción ten á base unha forma irracional de articular o debate político e a partir de aí, o político no seu conxunto. A reacción fixa as coordenadas do debate político no relativismo, nas falacias ad hominem, na falsificación mediática dos feitos, na ocultación sistemática das causas racionais dos problemas, e no acoso e derribo de calquera intento de racionalización do debate político. A socialdemocracia e o liberalismo son os responsables de ter establecido este principio formal do político, porta de entrada para a reacción fronte á grande política racionalista do ciclo revolucionario anterior, precisamente para soster ideoloxicamente á política burguesa e á explotación capitalista.
En segundo lugar, a reacción supón a idea de que a solución á crise está na reconstrución nacional, ou dito doutro xeito, un retorno ao nacionalismo. O imaxinario imperialista das clases medias entronca así co seu grande continente, a nación, nunha volta ao nacionalismo económico e identitario, aos delirios de reindustrialización etc. en lugar de xulgar racionalmente a imposibilidade imperial futura das nacións occidentais, a inxustiza histórica do imperialismo occidental e a causa real da existencia de amplas clases medias occidentais, que non foi outra que a explotación colonial dos pobos da periferia. Isto, á súa vez, leva a un reforzamento da óptica nacional dos problemas en lugar de tratar de comprender os fenómenos globais de fondo e a crise histórica na súa totalidade.
En terceiro lugar, a afluencia contemporánea de grandes migracións a occidente, na súa meirande parte provocadas polo aumento de guerras coloniais durante as últimas décadas, está sendo recibida pola aristocracia obreira nativa en descomposición como unha ameaza ao seu status económico e á súa orde social e cultural interna. Isto maniféstase como xeneralización do racismo social, que aínda que acepte as diferenzas culturais, quéreas lonxe; aínda que acepte ás persoas migrantes, faino só na medida en que acepten o seu posto inferior na orde laboral e social occidental.
E en último lugar, como forma máis xeral do anterior, na medida en que avanza a diminución da masa salarial, expándese máis e máis o clasismo, o punto de vista corporativo do traballador cualificado que despreza o valor social do non-cualificado, do xubilado afeito a altas remuneracións que despreza ao mozo mal remunerado, do estamento laboral superior que despreza o valor social do estamento laboral inferior, do empregado que despreza o valor social do desempregado etc; en definitiva, o desprezo social da aristocracia obreira polas figuras en expansión do proletariado; e o seu reverso: a entronización social e admiración de masas cara ao grande explotador industrial, cara ao parasito youtuber o inversor de bolsa, cara ao rendista que explota miserablemente aos seus inquilinos etc.
A reacción, como fenómeno cultural de masas, afecta a todas as familias políticas da clase media e do bloque de orde. Ninguén está a salvo deste virus, e a única cura está na radicalidade real dun novo racionalismo revolucionario fronte á decadencia de toda a orde burguesa.
Progresivamente, na medida en que as tendencias culturais da reacción van radicalizándose, a oligarquía comeza a financiar e poñer en primeira plana expresións políticas do fenómeno. Como diciamos na introdución, comeza a financiar grandes plataformas electorais ultradereitistas ou abertamente fascistas, vellas e novas organizacións de cadros, think tanks e medios de comunicación fascistas etc. Simultaneamente, grupos violentos empezan a desenvolver a súa impunidade nas rúas e dentro das forzas armadas e os corpos policiais, desde Estados Unidos ata Ucraína, o fenómeno do escadrismo comeza a xeneralizarse. Todos estes grupos, organizacións e plataformas, na medida en que responden a un eixo programático, son manifestacións diferenciadas dun proceso unitario: a configuración dun novo movemento fascista en occidente. Estas son as súas bases políticas, que supoñen a radicalización das premisas reaccionarias:
En primeiro lugar, a radicalización extrema do irracionalismo acaba desembocando no tradicionalismo. Apego ao pasado imperial, polo dominio do home sobre a muller, do forte sobre o débil, dos valores tradicionais en materia sexual e moral, e a aclamación das estruturas do antigo réxime o do estado autoritario de mediados do XX. E sobre todo, defensa a treu do liberalismo máis salvaxe e do conxunto de premisas de clase do ultraliberalismo.
En segundo lugar, o retorno ao nacionalismo desemboca en ultranacionalismo violento, onde a nación volve aparecer como destino e obxectivo total do político, suprimindo ás clases e aos individuos. A valoración da nación propia como superior ás demais e a necesidade de reconstituíla contra os demais e contra os inimigos internos, especialmente o proletariado migrante e o marxismo.
En terceiro lugar, conectado co anterior, o racismo social da reacción radicalízase en forma de supremacismo: asumir a cultura e a civilización propias como superiores, e considerar necesario purgalas violentamente de elementos “estranxeiros”. A caza do inmigrante, (o que se entende como) relixión propia como superior ás demais, e o odio ao diferente por inferior, como campo de visión que desemboca en violencia contra as poboacións migrantes.
En cuarto lugar, o moralismo clasista e obreirista desemboca en darwinismo social violento: o odio ao desempregado ou a calquera sector proletario e a idea de que o proletariado debe ser educado a golpes se é necesario.
Como podemos observar, a xeneralización dos principios da reacción nas bases sociais dos partidos tradicionais, especialmente na nova xeración das clases medias, constitúe a condición de posibilidade da articulación destas nun novo polo político como radicalización da reacción, e que á súa vez, serve de panca para a reforma cara ao Estado autoritario.
Paradoxalmente, a idea programática dun estado débil en política exterior, totalmente dependente dos centros de poder supra- e paraestatais da oligarquía, acompáñase dunha idea programática de estado reforzado para a política interior, que rompa o taboleiro do pacto de clases, onde o conxunto da clase traballadora é aniquilado como suxeito de dereitos co obxectivo de levantar un muro ante unha posible articulación futura do proletariado en forma de bloque revolucionario. Deste modo, a oligarquía, coa inestimable axuda de todo o arco parlamentario, vai mecendo o berce do fascismo, a golpe de reforma lexislativa, de avance da impunidade policial, e de propaganda militarista. E estes mesmos son os presupostos do novo estado autoritario. Dito simplemente: aínda que un goberno fascista o ultradereitista acelere o proceso, é o partido liberal e socialdemócrata clásico o que está, en cada un dos estados, devolvendo o mesmo proceso de reforma estatal.
En primeiro lugar, a reforma progresiva da lexislación e do poder xudicial, de maneira que se aniquile por completo todo dereito das clases traballadoras, ou o que é o mesmo: ante unas poboacións de baixa produtividade, aplicar o que sempre fixo a burguesía: concesións cero. En resumidas contas, trátase da destrución de todos os dereitos sociais, políticos, sindicais, de liberdade de expresión etc. conquistados polo ciclo revolucionario anterior, e sostidos despois sobre un pacto de clase imperialista, especialmente en Europa. A desarticulación da forma democrático-liberal do Estado é igual á destrución do traballador como suxeito de dereito no máis puro estilo dos estados autoritarios dos séculos XIX y XX.
En segundo lugar, a desarticulación do estado de dereito mesmo que vén ser substituído polo Estado policial, esa forma de estado onde é a función policial quen define os límites de intromisión do dereito, e non ao revés. O estado de dereito, a universalidade formal da lei e a forma constitucional non son desbotados, pero o seu alcance limítase agora na medida en que a excepcionalidade convértese na normalidade e a impunidade policial vai en progresivo aumento e avanza en aceptabilidade social. O Estado autoritario como estado policial pretende ser un estado hobbesiano onde a violencia policial, incluídos os asasinatos extraxudiciais, van pouco a pouco normalizándose, como vimos en Estados Unidos, en Francia, en Ucraína, en Polonia e moitos outros países en casos extremos, pero empezamos a ver xa en cada un dos Estados occidentais na súa forma embrionaria.
En terceiro e último lugar, o estado militarista. As inversións públicas son desviadas ao rearme para servir ás necesidades imperiais da oligarquía á vez que esta mesma inviste no sector armamentístico para saquear o salario xeral; as poboacións traballadoras son sometidas a un bombardeo propagandístico constante do medo á ameaza estranxeira, para prepararalas, por unha banda, para aceptar submisamente o autoritarismo crecente, incluso a opción do uso das forzas armadas contra a clase traballadora interna como estamos vendo en EE.UU., e por outro, para que asuman que tarde ou cedo serán utilizadas como carne de canón na carnizaría imperialista das oligarquías.
Aniquilación da forma democrático-liberal da ditadura burguesa, estado policial e militarismo, son os tres ingredientes principais do novo estado autoritario occidental, verdadeira fin do novo movemento fascista, que desvergonzadamente socialdemócratas e liberais de toda pelaxe puxeron en marcha xa pola súa propia conta, e un seguidismo nauseabundo cara as elites oligárquicas, e que é retroalimentado pola ideoloxía de masas reaccionaria impulsada polos grandes medios de comunicación e as grandes empresas tecnolóxicas.
Como vimos, o fenómeno en auxe do fascismo só pode comprenderse (e combaterse) incorporando á análise por unha banda ao seu presuposto social, a reacción cultural das clases medias; e por outra banda ao seu resultado estratéxico o estado autoritario. E isto só adquire forma de conxunto baixo o concepto programático de clase, e é deste xeito como se amosa definitivamente o verdadeiro inimigo de clase detrás do fascismo: a oligarquía atlantista e as bases capitalistas da sociedade occidental. A oligarquía é o axente que está impulsando ao fascismo, non tanto porque estea financiando silenciosamente aos tres grandes grupos do movemento fascista antes citados (plataformas electorais de ultradereita, organizacións ideolóxicas e grupos de rúa) senón pola súa explícita axenda de propaganda reaccionaria, e sobre todo, porque é a principal impulsora do resultado: un novo estado autoritario e militarista. E nesa dirección van as súas directrices desde as grandes institucións oligárquicas occidentais europeas e estadounidenses, cos seus plans de reforma política e axenda militarista.
Do cal se deduce que facer fronte ao fascismo non é tomar partido polo rostro amable, caduco, do programa político da oligarquía, senón que facer ao fascismo é facer fronte á oligarquía, ao movemento e aos seus eixos programáticos ideolóxico e estatal: ao fascismo, á reacción e ao estado autoritario. Ante a decadencia imperial occidental e o motor gripado da acumulación, só collen dúas opcións: estado autoritario ou estado socialista. A oligarquía sábeo tanto como o saben os comunistas, por iso trata de tomar a dianteira articulando sobre as súas premisas a toda a clase traballadora. Polo demais, que o estado autoritario se desenvolva progresivamente implementado polo hipócrita bipartidismo de socialdemócratas e liberais seguidistaa, ou o faga aceleradamente con grandes plataformas ultradereitistas, o resultado acabará sendo o mesmo: impunidade do fascismo na rúa, xeneralización da reacción ideolóxica, destrución da democracia formal, estado policial e carnizaría imperialista.
Partindo da situación actual, polo tanto, cal debe ser a liña política dos comunistas ante a ofensiva política da oligarquía?
A liña política componse separadamente de dúas grandes tarefas: a tarefa estratéxica resumida na fórmula ‘partido e programa’, e a tarefa táctica de recompoñer defensivamente á clase baixo a bandeira dun antifascismo integral actualizado.
En primeiro lugar, está a tarefa estratéxica: recomposición do partido proletario e do programa revolucionario, sen os cales facer fronte á oligarquía é inviable. Ante a súa proposta de conxunto, falsa para a clase traballadora, de máis capitalismo e máis autoritarismo para saír do problema do capitalismo e o autoritarismo, necesitamos un partido organizativamente capaz, con carácter de masas en todas as sociedades occidentais, que despregue un programa revolucionario actualizado en todas as grandes cuestións, baixo o obxectivo estratéxico do socialismo e da idea dunha civilización en occidente que atopa a superación da súa decadencia no comunismo. En cuanto á edificación do partido e do imaxinario civilizatorio, falamos dun partido unificado a escala supraestatal, no noso caso europea, que sexa capaz de combater na súa mesma escala ás institucións de poder da oligarquía financeira e tecnolóxica atlantista.
Para a articulación da tarefa estratéxica de recomposición partidaria, é imprescindible articular á base unha táctica de axitación efectiva capaz de polarizar o descontento social en clave revolucionaria. Dita axitación debe actuar en dúas direccións: por unha banda contra a orde capitalista e a oligarquía, ou dito doutro xeito, una axitación que sexa capaz de polarizar contra o estado e o capital o descontento social coa orde actual, fronte aos cantos de serea da oligarquía e o fascismo que tratan de polarizar o descontento pedindo máis estado e máis capital. O MS e o conxunto dos destacamentos comunistas deben facer unha tarefa de vangarda polarizando a rúa en todas as grandes cuestións cara a cosmovisión proletaria fronte ao Capital, impedindo así o avance da reacción e o fascismo como falsa alternativa.
Por outra banda, debemos desenvolver unha axitación efectiva contra a complicidade dos partidos parlamentarios e especialmente da esquerda reformista, quen vén implementando sucesivas reformas lexislativas de recorte de dereitos políticos, permitindo a xeneralización de grupos fascistas a pé de rúa, dando vara alta ás forzas policiais e reforzando o atlantismo e o militarismo desde a posición de goberno. En xeral, son partidos que estableceron a irracionalidade como premisa no ambiente político da clase traballadora cos seus grandes aparellos ideolóxicos, desarticulando toda posibilidade de debate racional, actuando de comisarios da burguesía ante a opción revolucionaria. Mentres implementan desde o estado o mesmo programa autoritario que o fascismo está chamado a culminar, combaten sen cuartel toda opción de articulación revolucionaria, única garantía real de facer fronte ao fascismo. Estes partidos son parte do problema, normalizando a reacción nas clases medias na súa forma irracional, nacionalista, acomplexadamente racista e clasista, mentres sinalan ao fascismo unicamente como fenómeno extremo. Son eses mesmos que poden tolerar e mirar cara outro lado ante un xenocidio colonial progresivo en calquera parte do mundo, pero que poñen o grito no ceo cando, como no caso actual de Palestina, o xenocidio é o suficientemente brusco e evidente como para que se vexan con demasiada claridade as costuras institucionais, diplomáticas e empresariais entre colonialismo e socialdemocracia imperialista.
En resumidas contas, necesitamos unha táctica de axitación eficaz para polarizar o descontento contra as oligarquías e contra o capitalismo, e que sexa igualmente eficaz sinalando aos seus lacaios e comisarios políticos, por máis que se disfracen; de maneira que sexa unha axitación non só contra a oligarquía, senón contra todo o bloque histórico do Capital. O éxito axitativo na demarcación de campos é o vehículo ideolóxico, a condición sine qua non para a recomposición ideolóxica e política do bloque histórico revolucionario.
No que respecta á segunda grande tarefa, ou a liña antifascista propiamente dita, trátase de recompoñer as posicións defensivas do proletariado occidental, hoxe completamente desarticulado e atomizado. E trátase de facelo para ser capaces de conter cada un dos tres eixos programáticos da oligarquía. Para iso, o MS desenvolverá dúas tarefas subordinadas que en conxunto compoñen a táctica defensiva antifascista.
En primeiro lugar, constatamos que o antifascismo está hoxe atomizado, desorientado e en grande parte desarticulado en occidente, e que é o fascismo o que está de moda nas novas xeracións. Nese sentido, os comunistas debemos actuar como columna central do novo antifascismo, englobando a loita contra a reacción e a loita contra o fascismo e facendo da organización comunista o principal referente antifascista, á vez que conseguimos converter ao antifascismo nunha tendencia de masas. Ante a tradicional proclama ao fascismo non se lle discute, combátese, defenderemos que non é posible combater ao fascismo sen á vez discutir e vencer á reacción no plano ideolóxico.
Polo tanto, por unha banda o MS debe desenvolver posicións discursivas en todas as cuestións que compoñen o punto de vista reaccionario, e asegurarse de elaborar unha propaganda e axitación eficaces contra a reacción. Os comunistas debemos combater á reacción dentro da clase traballadora, incluso asumindo como tarefa propia a construción de cortalumes ideolóxicos dentro das bases da esquerda tradicional que comezan a escorar cara posicións reaccionarias, e isto só pode facerse coa guerra cultural e a loita ideolóxica. E no seu conxunto con isto, e como complemento necesario, os comunistas temos o deber de facerlle fronte ao fascismo propiamente dito a pé de rúa, como expresión máis radicalizada da reacción. Ao fascismo non pode permitírselle adquirir carta de normalidade nin espazos de impunidade para se desenvolver. Loita de vangarda no plano ideolóxico e na rúa. Debemos demostrar efectividade e compromiso antifascista para combater á reacción e ao fascismo e poñer ao MS como referente internacional antifascista.
En segundo lugar, os comunistas debemos impulsar e tomar parte da articulación dunha grande fronte defensiva de clase contra a reforma autoritaria do estado, con todas as organizacións independentes da clase traballadora, con movementos sociais, organizacións, destacamentos e sindicatos de clase, que sexa independente dos partidos parlamentarios, e polo tanto eficaz contra o autoritarismo estatal que o conxunto do bloque do Capital vén implementando. Esta fronte debe adquirir dimensión de masas e alcanzar un grao de eficacia suficiente para facer fronte tanto ao recorte de dereitos políticos, ao estado policial e á represión, como ao militarismo. Non hai antifascismo completo se a clase no seu conxunto non é capaz de organizarse para deter a deriva autoritaria dos estados, que é o punto de chegada de todo programa fascista. Fronte de masas contra o autoritarismo estatal, polo tanto, como culminación organizativa no plano defensivo do antifascismo, fronte a todo canto de serea frontepopulista dos grandes partidos de esquerdas, que pretenden reducir o problema del fascismo á súa forma movemento-partido, facendo caso omiso á reacción sen oposición ningunha nas súas propias bases, mentres implementan de forma inconsciente ou maquilladamente o mesmo programa autoritario das oligarquías.
Pode que se dean conxunturas no futuro nas que alianzas tácticas con estas forzas burguesas de esquerdas sexan necesarias para combater gobernos fascistas, pero estes compromisos parciais só poden darse sobre a base preexistente dunha independencia política e organizativa real, articulada en bloque, de la propia clase traballadora fronte ao estado burgués. De aí a necesidade de ligar a liña antifascista do MS á articulación en primeiro lugar dunha fronte proletaria, e de enfocar claramente o problema que se agocha tras o auxe do fascismo: a criminal oligarquía atlantista e o seu programa de estado autoritario.
En forma de resumo: a secuencia de articulación do bloque histórico revolucionario, polo tanto, consiste en primeiro plano na edificación da organización comunista-forma movemento (MS) como vangarda antifascista integral contra a reacción e o fascismo, á súa vez capaz de articular defensivamente á clase cunha ampla alianza de grupos e organizacións, que alcance eficacia táctica para defender as opcións políticas do proletariado. E como tarefa estratéxica xeral, edificación da organización comunista-forma movemento (MS) como movemento potencial de recomposición ofensiva da clase que desemboque en partido e programa revolucionarios a escala europea.